Un novo smartphone sorprende por ter un grosor de só 4,75 milímetros

mércores, 5 de novembro do 2014 Marcus Fernández

Continúa a carreira dos fabricantes pola fabricación do smartphone máis delgado do mercado, como un factor para destacar (pois non está claro que sexa unha vantaxe significativa, especialmente se afecta negativamente á autonomía) e tras os 4,85 milímetros de grosor do Oppo R5, chega un fabricante chinés menos coñecido, Vivo, e presenta o seu Vivo X5 Max, que cun grosor de 4,75 milímetros converteríase no smartphone máis delgado do mercado. O novo terminal mediría 153,9 x 78 x 4,75 milímetros, e viría a ser unha versión estilizada do Vivo X5 (que tiña un grosor de 6,3 milímetros).
O Vivo X5 Max é un móbil 4G cunha pantalla Full HD de 5,5 polgadas, procesador de 8 núcleos a 1,7 GHz, 2 Gb de RAM, 16 Gb de almacenamento interno (ampliable mediante tarxetas de memoria de até 128 Gb), cámaras de 13 e 5 Mpíxeles e Android 4.4.4.
Polo momento non se coñece a data de lanzamento deste terminal, que sorprende polas súas elevadas prestacións nun corpo tan delgado, aínda que non é de agardar que sexa doado de conseguir fóra do mercado chinés, como acontece con moitos outros fabricantes pouco coñecidos.

PUBLICIDADE