Un novo informe apunta a que a Oficina Virtual Telemática permitiunos aforrar 113 millóns de euros dende 2009

venres, 24 de xaneiro do 2014 Redacción

JPEG - 90.5 KB
Feijoo salientando o aforro que permitiu a Oficina Virtual Telemática tras o Consello da Xunta

A Consellería de Facenda deu a coñecer esta semana unha serie de vantaxes postas en xogo pola Oficina Virtual Tributaria dende a súa posta en marcha, amais dunha manda de datos concretos que botan luz sobre o devandito. Para comezar, sinalou o departamento da Xunta, a OVT (xestionada dende o CIXTEC) permitiu aforrar a cidadáns e empresas preto de 113 millóns de euros desde 2009, “ao tempo que serviu para mellorar a produtividade na Administración e elevar a transparencia cara ao contribuínte”. Esta información figura nun informe presentado este xoves no Consello da Xunta pola conselleira de Facenda, Elena Muñoz Fonteriz.
No estudo tamén se sinala que en 2013 a Oficina Virtual Tributaria recibiu un total de 669.589 accesos, “o que representa un incremento do 12,5% respecto a ano anterior e do 30,5% desde 2009”. Asemade, faise saber tamén que a día de hoxe este recurso telemático dos galegos rexistra máis de 1.800 accesos nunha única xornada, o que segundo apuntou a conselleira amosa o uso cada vez maior das TIC que se detecta na presentación de impostos xestionados pola Xunta. A maiores e co fin de corroborar isto último, o informe apunta a que a totalidade dos impostos xestionados pola Axencia Tributaria de Galicia poden presentarse xa por vía telemática, “o que permite a calquera contribuínte realizar este trámite as 24 horas do día os 365 días do ano, e sempre coa máxima seguridade”. Asemade, cómpre lembrar que se pode levar a cabo por esta canle o pagamento das taxas, os prezos e as sancións. A investigación tamén apunta a que o 58% das autoliquidacións de impostos presentadas en 2013 leváronse a cabo en Internet, mentres que as presentacións en papel reducíronse neste período ao 42%. De feito, dende 2009 o peso dos trámites por vía telemática medrou en máis de 11 puntos, da mesma forma que se van reducindo as presentacións en papel.
En total, a Oficina Virtual Tributaria da ATRIGA recibiu o pasado ano 211.591 autoliquidacións a través da Rede, “e a cifra acumulada desde 2009 supera xa o millón”, engádese no estudo.
Lembrar que entre os servizos electrónicos que achega a OVT figuran a confección e impresión de modelos de autoliquidación, a declaración e pagamento telemático de tributos e outros servizos xerais, como consultas, valoracións de bens inmóbeis, valoración de vehículos usados, verificacións de documentos ou certificacións. A isto cómpre engadir a emisión electrónica de certificados de débedas. Para Facenda, non hai rastro dúbida en que “o progresivo desenvolvemento da Oficina Virtual Tributaria supón un importante aforro de tempo e de custos para a cidadanía, xa que a miúdo lles evita acudir en persoa ás dependencias da Administración para realizar determinados trámites que agora pode realizar desde o seu domicilio”.

PUBLICIDADE