Un movemento cidadán nacido na Rede tradúcese en mobilizacións nas rúas de toda España

mércores, 18 de maio do 2011 Marcus Fernández

Fotografía de Juan Ortiz da mobilización de hoxe ao redor do Obelisco (A Coruña)

En época de campaña electoral parecería normal que fosen os políticos os que ocupasen a actualidade nos medios tradicionais e na Internet, pero o pasado domingo comezou a visibilización dun movemento cidadán baixo o lema de «¡Democracia Real YA!» no que invitaban aos españois a saír á rúa nas principais cidades españolas, o que tivo unha resposta sen precedentes por parte do público (xa que normalmente as convocatorias a través da Internet remataban con asistencias moi modestas) pero unha atención moi tímida por parte dos medios de comunicación de masas, o que non fixo máis que incrementar o pulo deste movemento articulado en boa medida a través de Twitter con hashtags como #15m, #democraciarealya, #spanishrevolution e posteriormente #acampadaprado, #acampadacoruna, #acampadavigo… e moitos outros indicadores dos lugares onde terían lugar mobilizacións tanto o martes como hoxe mesmo, agora con asistencias masivas e polémicas varias (como a prohibición por parte da Xunta Electoral de Madrid da concentración na Porta do Sol, que tivo lugar igualmente).

As mobilizacións coñécense internacionalmente como #spanishrevolution (imaxe tomada na madrileña Porta do Sol)

Pero aínda que este movemento cidadán estea presente nas rúas de toda España, é na Rede onde está máis patente, con numerosos debates nos que moitos coinciden en esixir unha reforma da Lei Electoral, medidas contra a corrupción política e, en definitiva, un cambio de rumbo político-social.
Queda por ver se esta iniciativa é capaz de sobrevivir aos comicios electorais do vindeiro domingo, pero polo momento xa vemos cómo en cidades galegas como A Coruña, Vigo ou Santiago a coñecida internacionalmente como #spanishrevolution está moi viva, e a chamada web 2.0 está a xogar un papel fundamental como altofalante das mobilizacións cidadás.

Juan Ortiz retratou as mobilizacións coruñesas xunto ao Obelisco

PUBLICIDADE