Un libro recolle a historia de Dinamic Software

venres, 15 de outubro do 2021 Marcus Fernández

Nos anos 80 viviuse todo un fenómeno de creación de videoxogos en España para ordenadores persoais como o ZX Spectrum, o Amstrad CPC, o Commodore 64 ou o MSX, no que coñecemos como a Idade de Ouro do Software Español, destacando especialmente un selo, Dinamic, fundado polos irmáns Nacho, Víctor e Pablo Ruiz, e que fixo realidade grandes títulos como Fernando Martín Basket Master, Game Over, Army Moves ou Abu Simbel Profanation, converténdose no referente de calidade das creacións estatais.
A historia desta compañía, que naceu comercializando xogos caseiros por correo para facturar 140 millóns de pesetas anuais só 3 anos despois, foi obxecto do último libro de Jesús Martínez de Vas, quen ao longo de 336 páxinas repasa a traxectoria desta compañía e os 61 xogos publicados por Dinamic Software, rendendo así homenaxe a un proxecto empresarial que inspirou a toda unha xeración e que daría lugar a Dinamic Multimedia (compañía coñecida moi especialmente pola saga PC Fútbol).
Game Press é a editora de La Historia de Dinamic, obra que onte abriu o seu proceso de reserva para a súa edición de luxo e para unha completísima edición especial (con numerosos extras) o que levou a que a páxina web da editorial estivese caída durante horas, tendo que mudar de servidor para poder atender a elevada demanda destes volumes que prometen ser a delicia de moitos nostálxicos da informática clásica e que chegarán ao mercado no mes de decembro.

A edición especial do libro inclúe numerosos extras

PUBLICIDADE