Un investigador do CiTIUS, recoñecido pola Deputación de Pontevedra por unha proposta para mellorar os sistemas de MeteoGalicia

xoves, 10 de outubro do 2013 Redacción

JPEG - 173.5 KB
Fachada do CITIUS, centro de investigación TIC da Universidade de Santiago, emprazado no Campus Sur

O premio que a Deputación de Pontevedra concede cada ano para promover e alentar o coñecemento científico na provincia, xa ten gañador para esta edición, trátase do investigador Alejandro Ramos Soto, actualmente en fase de tese doutoral no CiTIUS (Centro Singular de Investigación en Tecnoloxías da Información). O galardón en cuestión -entregado este xoves 10 de outubro no salón de actos da Deputación Provincial- quere recoñecer a achega do investigador á área das novas tecnoloxías, co seu traballo Computación flexíbel para a mellora dos sistemas de información meteorolóxica de Galicia.
O traballo premiado abrangue a problemática de explicar en linguaxe común as complexas series de números derivados dos cálculos efectuados en disciplinas como a meteoroloxía. Estas predicións realízanse logo de descifrar a información tirada dos cálculos numéricos; pois á hora de xerar descricións, a máquina non é quen de traducir todos eses datos á linguaxe natural para que a súa doada comprensión, polo que segue sendo precisa a intervención humana no proceso. Isto supón un atranco para o mecanismo, pois ten que restrinxir o ámbito da predición ao conxunto do territorio da Comunidade Autónoma, xa que sería inviábel multiplicar o número de predicións polo total de concellos (no caso de Galicia, 314). Coa vontade de superar esta barreira e mellorar a plataforma web que serve estes datos aos usuarios, nace a idea proposta por Alejandro Ramos, un traballo que presenta un algoritmo que traduce en texto, de xeito completamente automático, a información numérica, o que fará máis doado o proceso de introdución desta nova ferramenta en servizos como MeteoGalicia, que xa vén de amosar o seu interese pola tecnoloxía desenvolvida no dito estudo, de cara a achegar diariamente aos seus usuarios predicións meteorolóxicas específicas do eido local.

PUBLICIDADE