Un estudo ourensán lembra que o ciberabuso na mocidade vén sobre todo da man dos mozos

venres, 17 de febreiro do 2017 Redacción

O acoso a través das canles dixitais en calquera das moitas manifestacións (ciberbullying, sexting, etc) está a ser fondamente estudado polas investigadoras da nosa terra. Un bo exemplo de análise pormenorizado destas prácticas vén de chegar da man de María Victoria Carrera, profesora da Facultade de Ciencias da Educación do Campus de Ourense, quen aborda nun estudo estes fenómenos desde unha perspectiva na que se atende tamén ás dimensións de xénero e etnia. Entre as principais conclusións do seu exhaustivo informe figuran, entre outras, as seguintes: as mensaxes ferintes ou ameazantes son hoxe por hoxe a principal manifestación do ciberacoso nas nosas vilas e cidades; ademais, os principais responsábeis das mensaxes insultantes, violentas ou denigrantes son os mozos. Por outra banda, medran ao abeiro das canles TIC as actitudes racistas e sexistas.
No estudo, financiado na convocatoria de axudas a proxectos de investigación INOU2016, participaron 623 adolescentes da cidade de Ourense, un 53% mozas e un 47% mozos, escolarizados nos dous últimos cursos de Educación Secundaria Obrigatoria do curso escolar 2016/2017, sendo a media de idade de 14.73 anos. O obxectivo xeral da investigación, en palabras da autora, oriéntase ao estudo da permanencia do ciberbullying, así como “a influencia dos estereotipos de xénero e as actitudes sexistas cara a diversidade sexual e etnocentristas na participación como agresor ou agresora nos diferentes tipos de malos tratos entre iguais”.
Segundo apunta a investigadora, todas as condutas de abuso e ciberabuso estudadas prodúcense nos centros escolares ourensáns, cunha relación inversa entre as condutas máis severas e a súa manifestación. En relación ao acoso por teléfono móbil ou Internet as situacións con maior incidencia detectadas son enviar mensaxes ameazantes ou insultantes a outras persoas; escribir brincadeiras, rumores, chismes ou comentarios que poñen en ridículo a un compañeiro ou compañeira; difundir segredos, información ou imaxes comprometidas de alguén; pendurar ou enviar imaxes de compañeiros ou compañeiras que poden ser humillantes; apartar a alguén de modo intencional dun grupo nunha rede social ou enviar a outras persoas ligazóns con rumores ou dixomedíxomes sobre un compañeiro ou compañeira.
No que atinxe o ás situacións de ciberabuso con menor incidencia son “gravar vídeos ou facer fotos a un compañeiro ou compañeira nalgún tipo de comportamento de carácter sexual ou mentres é golpeado ou humillado por outras persoas, e pendurar ou enviar estes vídeos e imaxes”. A incidencia detectada, apunta, “é semellante á doutros estudos que a analizaron”.
Como dixemos, no estudo certifícase que eles son máis violentos e abafantes ca elas. En cuestión de vítimas e da súa perpetuación, pola contra, a investigación non achou diferenzas significativas en función do xénero, aínda que se observan maiores niveis de “vitimización” por acoso nos mozos, mentres que no caso do ciberacoso as puntuacións son maiores nas mozas. Ademais, engade María Victoria Carrera, “os mozos apoian máis significativamente ao agresor ou agresora mentres que as mozas apoian máis significativamente ao defensor ou defensora da vítima”.
Como conclusión do estudo, a investigadora recalca como “estes datos poñen de manifesto que para previr o fenómeno do ciberbullying é preciso levar a cabo programas educativos inclusivos que promovan a empatía e a ética do coidado, actitudes non sexistas, así como actitudes positivas cara a diversidade sexual e cultural”.

PUBLICIDADE