Un “erro técnico” impide que Windows 7 ofreza navegadores alleos á firma

mércores, 18 de xullo do 2012 Raquel Noya

Microsoft vén de achacarlle a un “erro técnico” o feito de que o novo Windows 7 non lle permita aos usuarios escoller un navegador que non sexa o Internet Explorer, algo que, por certo, está a ser investigado en profundidade pola Comisión Europea (CE) por ir contra unha das premisas vinculantes marcadas en 2009.
A compañía tecnolóxica, que xa pediu desculpas polo suposto “erro”, podería enfrontarse a unha multa de ata o 10% da súa facturación anual no caso de que investigación da CE revele que a infracción foi intencionada.
O suposto erro técnico non permite que o sistema lle proporcione o software da pantalla de elección do navegador aos ordenadores que viñan coa actualización Service Pack 1 de Windows 7, algo que, segundo Microsoft, si chegou correctamente aos equipos que tiñan instalada a versión orixinal de Windows 7 ou as versións relevantes de Windows XP e Windows Vista.
A entidade pública asegura que, dende febreiro de 2011 ata hoxe, uns 28 millóns de usuarios de Windows na UE “non viron” a pantalla na que se lle ofrece a posibilidade de utilizar distintos navegadores, e apuntou que mesmo Microsoft recoñeceu recementemente “que a pantalla de elección non se mostrara nese período”.
En base a isto, o comisario europeo de Competencia, Joaquín Almunia sinalou que non hai prazos para concluír a investigación, pero que espera avanzar “o máis rápido posible”.