Un equipo de Enxeñaría Informática gaña o concurso de ideas de negocio en xestión do tráfico aéreo
luns, 15 de xullo do 2024
A proposta dun xogo de estratexia chamado AirEmpires: Sky Management realizada por un equipo da Escola Superior de Enxeñaría Informática do Campus de Ourense vén de gañar a 2ª edición do Concurso de ideas de negocio en xestión do tráfico aéreo, certame convocado por Enaire, o xestor da navegación aérea en España, dependente do Ministerio de Transportes y Movilidad Sostenible, a través do seu centro de investigación, Crida.
O obxectivo do certame foi “fomentar a iniciativa emprendedora e impulsar a transformación de ideas de negocio en empresas reais, promovendo e desenvolvendo ideas en fases iniciais”. O premio estivo dividido en dúas fases. Na primeira, seleccionáronse as cinco mellores ideas de negocio en xestión do tráfico aéreo entre as presentadas, concedendo tres premios con dotación económica. Entre as propostas que superaron esta etapa estiveron tres realizadas desde o Campus de Ourense. Na segunda fase, as cinco propostas escollidas participaron nun proceso de incubación de dous meses no que recibiron formación co obxectivo de desenvolver o seu plan de negocio.
A entidade organizadora entregou os días pasados o premio final, dotado con 10.000 euros, á proposta AirEmpires: Sky Management. Trátase dun xogo de estratexia en tempo real que se pode xogar a través de Internet e que fusiona a xestión do tráfico aéreo coa construción e expansión ao estilo do coñecido xogo Age of Empires. O obxectivo desta proposta é divulgar o sistema de navegación aérea entre a xuventude. O equipo gañador está formado por persoal investigador do grupo Lia2 da Escola Superior de Enxeñaría Informática do Campus de Ourense, integrado por Francisco Javier Rodríguez, Lorena Otero, Rubén Fernández, Manuel Alonso Carracedo e Antonio Adrián González. No acto celebrado en Madrid entregoulles o premio José Miguel de Pablo, director de Crida, e Enrique Maurer, director xeral de Enaire.
“Estamos moi orgullosos do traballo feito nestes cinco meses de competición e sobre todo por traballar cunha idea tan innovadora e rupturista coma a nosa", destaca o equipo da UVigo gañador. Así, explican que arrancaron a fase final do certame nun segundo posto “pero puidemos demostrar que os videoxogos poden ter un bo modelo de negocio por detrás e ser un ferramenta que axude a unha institución como Enaire a ser máis coñecida e incluso espertar vocacións na xuventude”. Outras dúas propostas da UVigo chegaron á fase final deste concurso. Unha delas é Drone Watch, centrada nos sistemas de protección contra UAVs intrusos e realizada por Gabriel Alejandro Pérez, egresado da Escola de Enxeñaría Aeronáutica e do Espazo da UVigo e alumno do seu Mestrado en Aeronáutica. A outra é VortexGuard Aviation System, de Alberto Rodríguez, egresado da mesma escola e centrada na redución dos tempos entre despegues en aeroportos.