Expertos das tres universidades galegas colaborarán na elaboración da Estratexia Dixital 2030

luns, 2 de decembro do 2019 Redacción

A Xunta avanza un paso máis no proceso de elaboración da Estratexia Dixital de Galicia 2030 (EDG2030) coa constitución dun comité académico de expertos en diferentes disciplinas que contribuirán a configurar as directrices da folla de ruta dixital para a vindeira década. A creación deste comité de expertos, integrado por 22 académicos do ámbito tecnolóxico, industrial, económico, xurídico, sociolóxico, educativo e sanitario das tres universidades galegas foi presidido hoxe pola conselleira de Educación, Universidade e Formación Profesional, Carmen Pomar, e a directora da AMTEGA, Mar Pereira.
As cuestións clave sobre as que este grupo de expertos fará as súas achegas e reflexións xiran en torno aos novos modelos económicos e laborais; as competencias dixitais da sociedade; os novos perfís profesionais; a adaptación dos servizos públicos as demandas sociais; a posición de Galicia nas tecnoloxías do futuro; así como o marco ético e xurídico necesario nun contexto de rápido e continuo avance dixital.

Proceso de elaboración

A creación do comité de expertos supón un novo fito no proceso de elaboración da Estratexia Dixital de Galicia 2030, que arrancaba o pasado mes de xullo coa celebración dos foros de debate profesional, nos que participaron arredor de 200 axentes sociais e económicos da Comunidade, implicados en procesos de transformación dixital en distintos ámbitos de actuación.
Representantes das principais empresas da Comunidade, do Hipersector TIC, das institucións públicas e da sociedade civil abordaron nestes encontros posibles liñas de actuación da futura Estratexia en torno a catro áreas temáticas: Territorio Verde e Conectado, Vida Dixital Economía Aberta, e Especialización Tecnolóxica.
O comité de expertos académicos complementará a visión dos centros tecnolóxicos e empresas, e axentes económicos e sociais que están a participar no proceso de elaboración da EDG 2030
Para a elaboración da Estratexia Dixital de Galicia 2030 establécese a metodoloxía de elaboración derivada do Centro Común de Investigacións da UE, contando con paneis de profesionais non soamente tecnolóxicos, senón tamén do ámbito do dereito, a economía e as humanidades.
Estas achegas multidisciplinares serán de especial relevancia á hora de facer fronte ás cuestións éticas, xurídicas, e económicas derivadas dos novos modelos sociais e económicos vinculados á Intelixencia artificial, ao tratamento dos datos, ás adiccións, aos ciberdelitos ou o futuro do emprego...entre outras
A directora da AMTEGA sinalou que neste proceso de elaboración da nova Estratexia é de vital importancia «combinar o coñecemento experto nos distintos ámbitos co dixital e a creatividade para dar resposta aos retos da transformación dixital».
Neste sentido destacou que o «papel dos expertos, aos que agradeceu a súa colaboración, será fundamental na identificación das principais pancas a incorporar na Estratexia, e na vixilancia das últimas tendencias para contribuír a identificar nunha fase temperá os cambios que se aproximan en todas as esferas da sociedade».

PUBLICIDADE