Un anel conectado quere servir para falar por teléfono e incluso realizar pagamentos

luns, 30 de abril do 2018 Marcus Fernández

Aínda que o sector dos wearables parece terse centrado no pulso con accesorios como reloxos conectados e pulseiras de actividade, existen outras propostas máis curiosas, como o Xenxo S-Ring, un anel que permite facer chamadas de teléfono aproveitando o Bluetooth, almacenar ficheiros, controlar a reprodución musical e incluso facer pagamentos mediante NFC.
Para facer realidade este trebello está en marcha unha campaña de micromecenado en Kickstarter na que o produto parte dun prezo de 199 dólares, estando previsto que inicie a súa entrega as mecenas a finais do presente ano.
Este produto vén a ser un anel que comunícase co noso smartphone por Bluetooth 5.0 para funcionar como un accesorio sen fíos máis, aínda que tamén agocha un porto USB para que poidamos empregalo como se dunha memoria USB de 4 GB se tratase (aínda que será preciso identificarse a través dunha aplicación para poder acceder aos seus contidos de xeito seguro).
Este anel integra distintos sensores (acelerómetro e de proximidade), micrófono e altofalante, de xeito que poderá empregarse para falar por teléfono, realizar control por xestos, empregar asistentes de voz, chamar a servizos de emerxencia e incluso para alarmas silenciosas (evitando espertar á persoa coa que se comparte a cama) e para poder realizar pagamentos en establecementos físicos como se fose unha tarxeta bancaria contactless.
O Xenxo S-Ring poderá cargarse por USB, podendo aguantar en espera até 5 días, mentres que para o seu uso para chamadas a duración da súa batería quedaría en 3 horas (podendo cargarse completamente en só 45 minutos). Terá resistencia á auga, será compatible con Android, iOS, Windows e macOS, e buscará, en definitiva, transformar o noso día a día cun novo xeito de interactuar co noso smartphone e con outros elementos de uso cotián.

Vídeo promocional do Xenxo S-Ring

PUBLICIDADE