Un anel NFC será realidade grazas ao micromecenado

luns, 29 de xullo do 2013 Marcus Fernández

A tecnoloxía NFC está presente cada vez en máis smartphones, pero continúan a ser poucos os seus usos habituais, o que vai mudando pouco a pouco a través de novas solucións que aproveitan o potencial deste tecnoloxía de comunicación sen fíos, como un novo proxecto de micromecenado que ao pouco de arrincar xa acadou o éxito e que pretende converterse en realidade tan pronto como no mes de setembro: o NFC Ring.
Esta proposta consiste nun anel con tecnoloxía NFC que podería empregarse para abrir portas (existen pechos específicos para funcionar con NFC), desbloquear o teléfono móbil (pasando o dedo pola súa parte traseira cando o saquemos do peto), transmitir información (como datos de Wi-Fi, ligazóns a páxinas web e fotografías...) e enlazar a persoas sen necesidade de carga de ningún tipo.
O anel integrará un chip NTAG203 e poderá utilizarse tamén en conxunción cunha aplicación móbil de código aberto que chegará a múltiples plataformas (iOS, Android, Windows Phone...), aínda que cómpre destacar que o anel só funcionará en smartphones como o Samsung GALAXY S4 e o BlackBerry Z10 nos seus modelos de maior tamaño (pois a situación do sensor NFC deses terminais fai imposible que poidan ler de xeito fiable etiquetas NFC de pequeno tamaño).
Este proxecto chegou a Kickstarter simplemente para poder financiar unha fabricación industrial do anel, que pode mercarse actualmente por unhas 22-25 libras esterlinas ás que habería que engadir 3-4 libras en concepto de gastos de envío. Tamén é posible colaborar co proxecto con só 8 libras esterlinas para poder conseguir o modelo tridimensional (e a etiqueta NFC) que faciliten a creación do anel nunha impresora 3D.


Vídeo de presentación do NFC Ring

PUBLICIDADE