Un altofalante de Harman/Kardon integrará Cortana

luns, 8 de maio do 2017 Marcus Fernández

Alexa, a intelixencia artificial de Amazon, conseguiu meterse en milleiros de fogares norteamericanos a través do altofalante Amazon Echo, todo un éxito de vendas, de aí que Google quixese seguir os seus pasos con Google Home, e agora sabemos que tamén o asistente virtual de Microsoft vai unirse á festa, pero non de xeito directo, senón a través do fabricante de altofalantes Harman/Kardon, que vén de anunciar que no outono iniciará a comercialización de Invoke, un altofalante conectado que integrará Cortana.
Estamos ante un altofalante case cilíndrico fabricado con materiais premium, que emite son en 360 graos, que non só serve para escoitar música con boa calidade e controlar a reprodución coa voz, senón que tamén pode empregarse para facer e recibir chamadas a través de Skype, controlar a domótica do fogar e permitir interactuar con Cortana como pode facerse con ordenadores e teléfonos (ou sexa, para realizarlle preguntas ou pedirlle que programe alarmas, anote recordatorios, comprobe o estado do tráfico e, en definitiva, nos faga a vida máis doada).
Polo momento Invoke será un trebello orientado ao mercado estadounidense, e non detallan nin o seu prezo de venda nin a data na que estará dispoñible.

O altofalante de Harman/Kardon busca integrar o asistente virtual de Microsoft no fogar

PUBLICIDADE