Un accesorio promete estabilizar o vídeo rexistrando os movementos físicos da cámara

luns, 14 de setembro do 2015 Marcus Fernández

Unha das grandes complexidades da gravación de vídeo é a estabilización da imaxe cando a cámara non está sobre un trípode, para o que existen tanto solucións físicas en forma de aparatosos accesorios que manteñen a cámara balanceada co horizonte como software que analizando a imaxe consegue eliminar tremores, pero unha campaña en Kickstarter, que en só 75 horas conseguiu superar o seu obxectivo de financiamento, quere explorar unha solución híbrida moi interesante, que resultaría moi práctica para gravar vídeo estable, facer hyperlapse e incluso rexistrar imaxes para sistemas de realidade virtual co practicamente calquera cámara actual, o SteadXP.
Esta solución consiste nun pequeno dispositivo de estabilización de tres eixes que empregando un acelerómetro e un xiroscopio rexistra o movemento da cámara que empreguemos durante a gravación de vídeo, de xeito que tal información pode subministrase logo a un programa informático que corrixe os movementos bruscos, xerando así un vídeo fluído e agradable de ver sen a necesidade de empregar unha steadycam ou un bimbal.
Este sistema está baseado nun procesador ARM de 32 bits, e como almacenamento emprega tarxetas microSD de até 32 GB ou unha unidade USB externa, e pretende chegar ao mercado en dous formatos diferentes: SteadXP@, para cámaras GoPro e cun prezo actual en Kickstarter de 140 euros; e SteadXP+, para cámaras de todo tipo e cun prezo actual en Kickstarter de 200 euros. Os mecenas que apoien esta campaña deberán agardar a marzo para poder facerse cunha destas atractivas unidades chamadas a revolucionar o xeito de gravar vídeo, aínda que, de funcionar axeitadamente ben, dá a impresión de que non tardaremos en ver esta tecnoloxía aplicada directamente en dispositivos móbiles, xa que os smartphones ca contan cos elementos que conforman esta solución, faltándolles só o software sobre o que se apoia o SteadXP.

Vídeo de presentación desta campaña de Kickstarter

PUBLICIDADE