Un accesorio permitirá usar Android Auto sen cables

luns, 7 de setembro do 2020 Marcus Fernández

Nos últimos anos son moitos os vehículos que optaron por integrar Android Auto como un xeito de poder aproveitar as aplicacións e servizos que estamos afeitos a empregar no móbil cando imos no coche, para o que era precisa a conexión do noso smartphone mediante cable, pero agora que está a avanzar unha versión sen fíos desta tecnoloxía, xorde en Indiegogo unha campaña de micromecenado para facer realidade un accesorio chamada AAWireless que promete adaptar a versión de cable de Android Auto para que funcione sen fíos.
Este trebello que verá a luz nos vindeiros meses ofrécese actualmente aos mecenas a un prezo de 55 dólares, e permitiría que o usuario puidese levar o móbil no peto mentres o ten conectado á pantalla interactiva que o seu vehículo ten no cadro de instrumentos, en cargándose de establecer a comunicación un pequeno accesorio (confíase en que o produto teña un tamaño de 5 x 5 x 3 centímetros) conectado ao USB do automóbil que como principal atractivo ten un prezo bastante axustado, que podería popularizar a actualización de sistemas Android Auto dun xeito sinxelo e económico, aínda que cómpre advertir que dificilmente conseguirá ser unha solución universal dada a diversidade de vehículos e smartphones que hai no mercado (de xeito que algún dispositivo en concreto podería ter problemas de compatibilidade co AAWireless).

Vídeo promocional do AAWireless

PUBLICIDADE