Un accesorio permite converter a Game Boy nunha consola doméstica

luns, 1 de decembro do 2014 Marcus Fernández

Para os nostálxicos que aínda conserven unha das primeiras consolas portátiles Game Boy de Nintendo e que queiran gozar dos seus xogos en pantalla grande, unha campaña de micromecenado busca facer realidade o hdmyboy, un accesorio que dota á máquina dunha saída HDMI para que poidamos conectar a consola a un televisor, e que vén acompañado cun mando que replica os controis da propia consola portátil, pero cunha experiencia de uso máis semellante á das consolas domésticas (para o que conta cun cable de 3,5 metros de longo).
Este dispositivo só sería compatible coas primeiras Game Boy (modelo DMG-01), e podería presentar o vídeo a 1.080p ou a 720p, podendo elixir se o vídeo está a pantalla completa ou respecta as proporcións da pantalla da Game Boy. Tamén permite alternar entre as cores orixinais da Game Boy, amosar a imaxe en grises ou optar por un par de tonalidades alternativas, en función dos gustos do usuario.
Esta orixinal proposta pode adquirirse en Kickstarter por 125 euros, incluíndo todos os elementos que facilitan a súa instalación. De superarse os 65.000 euros que busca xuntar este proxecto os mecenas comezarán a recibir estes accesorios para Game Boy en maio de 2015.


Vídeo no que podemos comprobar como se verían os xogos de Game Boy en pantalla grande

PUBLICIDADE