Un accesorio de Logitech converte o iPad nun completo mando a distancia universal

martes, 20 de setembro do 2011 Marcus Fernández

Para facilitar o control dos nosos dispositivos electrónicos e do televisor sen ter que utilizar multitude de mandos a distancia Logitech anuncia o seu Harmony Link, un dispositivo de pequeno tamaño que conta cun emisor de infravermellos e conectividade Wi-Fi, de xeito que actúa como un mando universal co que interactuar a través dunha aplicación móbil dispoñible para dispositivos con sistemas operativos a partires de Android 2.0 e iOS 4.0.
Pero esta solución non limita o uso dun iPad ou dun móbil con Android a unha mero zapper, senón que facilita a consulta da programación televisiva a través de distintos filtros, de xeito que non teremos que elixir a canle que queremos ver senón o programa que nos interesa, pois actúa como un mando intelixente, que pode controlarse con distintos xestos para modificar o volume, reproducir vídeo, cambiar de canle... substituíndo ata un total de 8 mandos a distancia tradicionais.
Cómpre destacar que as funcións máis avanzadas (como a exploración da programación televisiva) queda limitada ao iPad, pois a súa grande pantalla facilita o uso de tal prestación. Entendemos así que o interesante deste produto non é tanto o seu hardware como a aplicación para iPad que o complementa. Para facernos unha idea do que permite este produto que nos EE.UU. venderase a 99 dólares podemos ver o seguinte vídeo publicado polo seu fabricante:

PUBLICIDADE