Un accesorio converte os Xiaomi 17 Pro nunha sorte de Game Boy

venres, 26 de setembro do 2025 Marcus Fernández

Non é a primeira vez que vemos como poñen á venda unha funda para o móbil que permite transformar o smartphone nunha consola retro portátil con aires de Game Boy, pero normalmente estamos ante accesorios de terceiros, sorprendendo agora que sexa a propia Xiaomi a que comercialice un produto semellante para usar en combinación cos novos Xiaomi 17 Pro e 17 Pro Max.
A funda que converte os novos móbiles insignia de Xiaomi nunha consola portátil está á venda por 299 iuans (35,9 euros), e sorprende polo feito de aproveitar como pantalla para xogar a pequena pantalla traseira dos Xiaomi 17 Pro, colocando baixo a mesma unha cruceta e catro botóns de disparo, controis físicos que funcionan a través de Bluetooth e se alimentan cunha batería de 200 mAh o que permite unha autonomía de ata 40 días.
A funda é compatible con xogos incluídos coa mesma (Angry Birds 2, Destroy Fighter, Hairball Parkour e Classic Gluttonous Snake), aínda que entendemos que será doada de configurar con moitos emuladores para Android.
Pero a grande dúbida deste accesorio é quen quere xogar nunha pantalla de reducidas dimensións, coa incomodidade adicional de que nun lateral da mesma están situadas as cámaras traseiras do smartphone.