Un accesorio converte o GALAXY Note 4 nuns lentes de realidade virtual

luns, 8 de setembro do 2014 Marcus Fernández

Avanzando no desenvolvemento da tecnoloxía de realidade virtual, Oculus VR comezou a distribuír durante o verán o seu segundo kit de desenvolvemento, que supón un importante salto adiante en resolución e velocidade de refresco, conseguindo que estes lentes de realidade virtual resulten moito menos incómodos para o usuario final, e este produto que pode mercarse por 350 dólares contará cunha curiosa variante, o Samsung Gear VR, que un accesorio que converte un smartphone Samsung GALAXY Note 4 na pantalla para este sistema de realidade virtual, do que por fin sabemos o prezo: 199 dólares (154,18 euros).

John Carmack probando o Samsung Gear VR

Un dos detalles máis curiosos do Gear VR é que está baseado nunha pantalla de 5,7 polgadas cunha resolución de 2.560 x 1.440 píxeles, de xeito que tería unha maior resolución que o kit de desenvolvemento oficial (que limita a súa resolución ao Full HD) operando co software de Oculus. Pero tamén cómpre destacar que estamos ante un produto que non está dirixido ao público final, senón a desenvolvedores e creadores de contidos, que queren experimentar con esta tecnoloxía antes da súa popularización, que podería chegar en 2015, cando se prevé que cheguen ao mercado os lentes Oculus Rift na súa versión de consumo a un prezo que estará entre os 200 e os 400 dólares, buscando ser o máis reducido posible para poder abrir a porta a un xeito de gozar de contidos que vaia moito máis aló do mundo dos videoxogos.
Este novo accesorio para colocar o Note 4 conta con acelerómetro, xiroscopio, magnetómetro e sensor de proximidade, conéctase ao smartphone por USB 1.1, panel táctil, botón de volume, tecla de atrás e unhas medidas de 198 x 116 x 90 milímetros. Inclúe unha tarxeta microSD de 16 Gb con numerosos contidos 3D e de 360 graos precargados. Tamén é capaz de previsualizar imaxe da cámara a 60 cadros por segundo, e pode operar cunha latencia inferior aos 20 milisegundos, co que agardan que a experiencia de uso sexa realista e confortable.

O Samsung Gear VR permite gozar da realidade virtual sen ter que mercar un kit completo de desenvolvemento de Oculus Rift