Un Ultrabook de Acer integra unha gráfica dedicada de nVIDIA

mércores, 14 de marzo do 2012 Marcus Fernández

Nos últimos meses son moitos os portátiles lixeiros que baixo a denominación de Ultrabook queren proporse como grandes alternativas ao MacBook Air de Apple, e agora é nVIDIA quen destaca un, o Acer Timeline M3 Ultra, por ser o primeiro equipo desta categoría en incorporar unha gráfica dedicada GeForce GT640M, o que permitiría que estivese á altura dos usuarios máis esixentes, valendo incluso para gozar de videoxogos actuais.
O Acer Timeline M3 Ultra combinaría con éxito os últimos procesadores Intel Core cunha gráfica discreta coa nova arquitectura nVIDIA Kepler, o que permite que o equipo sexa enerxeticamente eficiente, conseguindo a mellor relación entre potencia gráfica e autonomía que podemos atopar no mercado.
Este equipo non só podería operar ata 8 horas cun uso normal, senón que incluso pode contar cunha unidade óptica (algo pouco habitual nun Ultrabook) e a posibilidade de elixir entre un disco duro híbrido de 500 Gb ou unha unidade SSD de ata 256 Gb. Espérase a súa chegada ás tendas este mesmo mes.

PUBLICIDADE