Ultiman a presentación da candidatura do dominio de Internet .gal
martes, 6 de decembro do 2011
- Manuel González, presidente da Asociación PuntoGal, xunto a secretaria xeral de Modernización, Mar Pereira
Tras unha longa espera, achégase o momento no que ICANN
abrirá o procedemento para aceptar propostas de novos dominios da Internet, o
que acontecerá o vindeiro 13 de xaneiro, de aí que nos pasados días
representantes da Asociación PuntoGal tivesen unha xuntanza
coa secretaria xeral de Modernización e Innovación Tecnolóxica, Mar Pereira,
para ultimar a presentación da candidatura que persegue un dominio para a
lingua e a cultura galegas.
Dende Modernización destacaron que nos últimos anos a Xunta financiou a través
de distintos convenios de colaboración as actividades da Asociación PuntoGal
para impulsar o seu fin, tanto a nivel local como a través da presenza en
distintos encontros de ICANN ao longo do mundo.
Neste tempo adheríronse á Asociación PuntoGal
108 entidades, máis de 20 centros de emigrantes noutras comunidades autónomas e
países e superáronse os 12.000 apoios individuais á candidatura para que o
dominio .gal poida converterse nunha
realidade.