Ubisoft presenta un servizo para aprender a tocar a guitarra

luns, 14 de xuño do 2021 Marcus Fernández

Ubisoft sorprendeu hai unha década presentando Rocksmith, un videoxogo que axudaba a aprender a tocar a guitarra, a aprender cancións e a coller habilidade co instrumento dun xeito progresivo e divertido, e agora volven á carga convertendo o produto en servizo, polo que temos Rocksmith+, que mediante subscrición permítenos aprender a tocar a guitarra eléctrica, a guitarra acústica e o baixo a través de cancións que estarán dispoñibles este mesmo verán para PC, para consola no outono, e que mesmo pretende chegar a dispositivos móbiles (nunha data por determinar).
O servizo inclúe un enorme catálogo de cancións en constante crecemento, con distintos arranxos e todo tipo de xéneros, podendo empregarse con calquera guitarra ou baixo real, sendo incluso posible gozar da experiencia valéndose dunha guitarra acústica coa aplicación móbil Rocksmith+ Connect, que converte o móbil nun micrófono (a aplicación tamén funciona empregando o instrumento cun amplificador). Rocksmith+ é compatible con consolas e PC por medio do Rocksmith Real Tone Cable.
Rocksmith+ estará en probas para PC até o 22 de xullo, e máis adiante poderase contratar mediante unha subscrición de 14,99 euros/mes, 39,99 euros/trimestre ou 99,99 euros/ano, ofrecendo o servizo novas cancións cada semana, así como distintos modos, ferramentas e funcións que se irán incorporando paulatinamente para favorecer a aprendizaxe e a pericia coa guitarra.

Tráiler de Rocksmith+

PUBLICIDADE