USC prepara un sistema de navegación con imaxes en 3D

mércores, 30 de xullo do 2008 Fernando Sarasketa

Para moitos de nós, percorrer en coche o treito que separa o lugar de traballo do ámbito doméstico (e viceversa) é arestora unha das actividades do día que máis esforzo supón. E non porque haxa que empurrar o automóbil. Isto que se aplica a distancias máis ou menos curtas, gaña en complexidade se a traxectoria se estira. Dito doutro xeito: a máis quilómetros, máis loita por buscar o teu sitio na estrada e por non perderte. Unha solución posible a isto, a parte de incrementar a nosa concentración e a nosa paciencia, é botar man da tecnoloxía. Así o entende o equipo de investigadores da Universidade de Santiago que traballa arestora nun sistema de navegación para coches (o 3DNAV) que achegará, entre outras cousas, información xeográfica en tres dimensións.

Vista aérea achegada polo navegador GPS desenvolvido pola USC e o CTAG

A idea sobre a que se sustenta o desenvolvemento (reflectido en El Correo Gallego e presentado hai uns días no Salón Internacional do Automóbil de Londres) é a de adiantar o que será o futuro dos GPS, que tirarán o máximo partido das recreacións virtuais para facilitarnos a condución.
Estes aparellos, como se puído albiscar grazas ao prototipo presentado polos investigadores galegos, serán máis semellantes ao Google Earth do que son hoxe en día, dando conta de todo tipo de detalles sobre o terreo coma se nós mesmos estivésemos sobrevoándoo.
Como dixemos, un dos puntos máis salientables deste sistema deseñado polo devandito equipo da USC (Instituto de Investigacións Tecnolóxicas da Universidade de Santiago) é precisamente o potencial que ofrece para o manexo dos automóbiles, que non o único. Basicamente, o seu funcionamento consistiría na localización exacta do noso vehículo e de todo o que nos rodea, achegando recreacións ao mínimo detalle e en tres dimensións de cidades, rúas e casas. Asemade, botarase man da Internet, concretamente dos datos que subministren concellos e servidores de mapas e que sexan recollidos e procesados polo propio sistema dende o coche, que terá acceso sen fíos á Internet.
O obxectivo do Instituto da USC, amais de tirar partido da innovación para favorecer actividades do día a día como a condución, é o de contribuír a un medre da competitividade do sector da automoción galega. Aí é precisamente onde se insire o feito de que o prototipo fose presentado no Salón Internacional de Londres o pasado mes de xullo. Por certo que foi dado a coñecer como unha das pezas fundamentais do automóbil do futuro co que concorreu o Centro Tecnolóxico de Automoción de Galicia.

PUBLICIDADE