UCGAL fai un chamamento a prol de máis seguridade e privacidade no ecommerce

venres, 15 de marzo do 2019 Fernando Sarasketa

Hoxe celébrase o Día Mundial dos Consumidores e a organización galega UCGAL vén de lanzar un comunicado no que avoga por facer fronte común para que as redes, en relación ao comercio, sexan quen de achegar recursos en positivo. Para UCGAL, ten moito de significativo o feito de que esta mesma semana se cumprisen os 30 anos da World Wide Web e, ao mesmo tempo, se celebre a xornada mundial dos consumidores, cuxo lema deste ano é Produtos intelixentes de confianza. Da confluencia destas dúas conmemoracións temos que saber extraer vantaxes universais e esixir as máximas información, seguridade e privacidade sobre o que mercamos e usamos online, sinala a organización galega,
Para UCGAL, é un feito destacábel o moito que ten mudado a nosa vida coa chegada da Internet: “Ninguén pode entender o seu día a día sen ela, tanto é así que nun recente informe da AIMC ( Asociación para la Investigación de Medios de Comunicación) o 45% dos internautas aseguraba estar conectado e activo na Rede case constantemente e un 49% dicía que non podería vivir sen Internet no seu móbil”.
Os consumidores galegos tamén lembran que nestas tres décadas de conexión dixital, a Rede tamén xerou novas maneiras de consumir e, tamén, diferentes tipos de consumidores: “A última fronteira rompeuse coa aparición dos produtos intelixentes conectados (IoT, a Internet das cousas); produtos como os smartphones, os brazaletes de fitness, os asistentes activados por voz, algúns xoguetes e automóbiles, ou os televisores intelixentes que reciben, recopian e envían datos e información sobre as persoas usuarias”.
Porén, malia todas estas oportunidades e comodidades para as persoas consumidoras, UCGAL recoñece que “existen unha serie de problemáticas neste novo paradigma que deberían preocuparnos: a seguridade dos nosos datos e a privacidade da nosa información”. Por esta razón, engade a entidade galega, este ano o Día Mundial dos Consumidores ten como lema Produtos intelixentes confiables. “Nun mundo no que cinco mil millóns de persoas teñen unha conexión de Internet móbil, os consumidores demandan e precisan unha conectividade maior e de calidade e un desenvolvemento de produtos e servizos que coloque no centro ás persoas”, informa a organización, recordando que o devandito deriva nun fluxo de información constante, que non só é requirida (a información) polos usuarios de a pé, senón polas entidades e empresas que operan en Internet: “A realidade é que cando mercamos, vemos unha serie en Netflix, corremos 10 quilómetros polo parque, consultamos información con Alexa, etc… perdemos o control sobre a nosa información de carácter persoal e a nosa privacidade diante de grandes corporacións que deciden que é tendencia, que comemos, que bebemos en definitiva, que consumimos; que recollen e fan rendíbeis todos eses datos sen que o consumidor teña a menor idea do que lle están quitando”.
UCGAL, ao fío do devandito, lémbramos que “é importante esixir e traballar para que a transparencia das empresas e a súa responsabilidade para cos consumidores nas súas relación de consumo a través da Internet iguale ao estándar da vida offline”.

PUBLICIDADE