UCGAL e Igualdade achegan obradoiros para formar ás mulleres do rural en tecnoloxías financeiras
venres, 20 de setembro do 2019
A
Unión de Consumidores de
Galicia (UCGAL) vén de pór en marcha un programa formativo de
empoderamento tecnolóxico-financeiro para as mulleres do noso rural,
e faino en colaboración coa Secretaría Xeral de Igualdade. Os
obradoiros impartiranse en oito concellos galegos (Moaña, A Estrada,
Ordes, Boiro, Monforte de Lemos, Monterroso, O Carballiño e o Barco
de Valdeorras) entre finais do mes de setembro e mediados de
novembro. Nos cursos introducirase ás asistentes en cuestións como
os usos e posibilidades da banca electrónica ou o ecommerce.
A idea é achegar formación axeitada para compensar a progresiva
desaparición da banca tradicional.
En
palabras da UCGAL, a Escola para o apoderamento de mulleres do
rural: comercio e banca electrónica constitúe un xeito de
“combater a fenda dixital”, fomentar a capacitación financeira e
a autonomía económica “nun contexto no que o número de oficinas
bancarias diminúe de maneira progresiva e no que as transaccións de
bens e servizos a través da rede están á orde do día”.
Entre
os obxectivos destes obradoiros está o seguinte: que as asistentes
adquiran coñecementos e habilidades relacionadas coa Sociedade da
Información (banca electrónica, comercio electrónico) e, a
maiores, coñezan os seus dereitos como persoas consumidoras e as
ferramentas existentes que permiten o exercicio dos mesmos.
UCGAL
e a Secretaría Xeral de Igualdade colaboran por primeira vez nun
proxecto que busca tamén “facilitar a participación das mulleres
no entorno dixital e reforzar as súas competencias neste eido ao fin
de facelas partícipes dos avances que proporciona a Sociedade da
Información”.
Na
actividade, achegando recursos prácticos e coñecemento,
participarán un completo equipo de instrutoras e instrutores con
experiencia tanto en novas tecnoloxías como no ámbito do consumo.
As
actividades levaranse a cabo nas aulas CeMIT dos devanditos concellos
e a súa duración será de oito horas, repartidas en catro sesións
de dúas horas cada unha. O número de prazas é limitado. As
inscricións realizaranse chamando ao 981 56 64 11 ou enviando un
correo electrónico a prensa@consumidores.gal.
O
obradoiro de Moaña levarase a cabo o 24, 25 e 30 de setembro e o 1
de outubro, en horario de 18.00 a 20.00 horas. O da Estrada será o
día 30 de setembro e o 2, 7 e 9 de outubro en horario de 10.30 a
12.30 horas. O obradoiro de Ordes é de 17.00 a 19.00 horas, os días
1, 3, 15 e 17 de outubro. O de Monforte celebrarase en horario de
17.00 a 19.00 horas, os días 7, 9, 14 e 16 de outubro. O curso do
Barco de Valdeorras desenvolverase de 17.00 a 19.00 horas, os días
18, 21, 25 e 28 de outubro. O de Carballiño é os días 18, 21, 25 e
28 do mesmo mes, en horario de 16.30 a 18.30 horas. O de Boiro
desenvolverase en horario de 17.30 a 19.30 horas, o 23, 24, 30 e 31
de outubro. O de Monterroso celebrase xa en novembro, os días 5, 6,
12 e 13 dese mes, en horario de 16.00 a 18.00 horas.