Twitter reduce a visibilidade de chíos violentos de Donald J. Trump

venres, 29 de maio do 2020 Marcus Fernández

Os chíos de Trump considerados violentos aparecen ocultos agás que o usuario decida voluntariamente consultalos

A relación entre o presidente dos EE.UU. e Twitter resulta un tanto paradoxal, pois Donald J. Trump ten unha das contas de usuario de maior impacto global, pero tamén é unha das máis conflitivas, abrindo debates sobre as normas que deben rexer a plataforma e a busca do equilibrio entre o interese público e as condicións do servizo, xa que Trump chegou a ameazar a outros países con declararlles a guerra, o que é un nivel de violencia que en condicións normais suporía a expulsión do usuario.
Nos últimos días este equilibrio non puido manterse, xa que o presidente publicou uns chíos poñendo en dúbida o voto por correo, chegando a describilo como unha fraude, o que levou a que Twitter tomase unha medida sen precedentes na conta de Trump: etiquetar a información divulgada como pouco fiable, e incluíndo unha ligazón con máis información sobre o tema achegada por verificadores de feitos.
Desta volta Trump colleu unha perrencha, e como reacción publicou un borrador de orde executiva para «previr a censura en liña», no que quere limitar a liberdade de Facebook, YouTube e Twitter para controlar a visibilidade dos contidos, ou sexa, para dar vía libre a calquera tipo de falsidade como un tipo de liberdade de expresión mal entendida. De feito, dende as comisións federais de Comercio e Comunicacións, que serían os organismos encargados de velar sobre este asunto, amosaron reparos ante as intencións do presidente, e non faltan voces que apuntan tanto á clara ilegalidade da orde executiva de Trump como á imposibilidade de facela efectiva.
Dende Twitter parecen estar moi seguros da súa postura, e a poucas horas da publicación da orde executiva da Casa Branca marcaron un dos chíos do presidente como información que viola as normas da plataforma por supor unha «glorificación da violencia» baseándose no contexto histórico, polo que agochan o contido do chío (sendo posible velo ao premer voluntariamente sobre o mesmo) para evitar a instigación a cometer actos violentos. O chío problemático poderá consultarse, pero non será posible respondelo, darlle a gústame ou rechouchialo, como medida de seguridade.
O controvertido chío son declaracións de Trump sobre as protestas que están a ter lugar en Mineápolis tras a morte do afroamericano George Floyd por mor dun abuso policial, que poderían parecer inofensivas se as tomamos literalmente, pero a frase «cando os saqueos comecen, comezarán os tiros» non é orixinal de Trump, senón que é unha cita do xefe de policía de Miami durante as revoltas racistas de 1967, lembrado por declaracións moi pouco afortunadas sobre a violencia policial. Enténdese así que as declaracións de Trump non só poden resultar ofensivas, senón que tamén poden desencadear actos violentos no mundo real, de aí que reducir a súa difusión sexa considerado por Twitter como un acto de responsabilidade.

PUBLICIDADE