Twitter quere deixar en mans dos usuarios a loita contra a desinformación

luns, 25 de xaneiro do 2021 Marcus Fernández

Durante os últimos días da presidencia de Trump vimos como Twitter tivo que marcar moitas das súas publicacións como falsidades ou etiquetar a súa información como dubidosa, engadindo unha nota para clarexar o tema, pero dende Twitter non estaban cómodos co feito de ter que plasmar o que moitos consideraban que era a súa verdade, e para evitar nesgos na información polas súa banda cren que pode ser boa idea deixar esta tarefa en mans da comunidade de usuarios, para o que están a probar Birdwatch.
A nova ferramenta, en probas, e que só é visible cando se entre en ela activamente, permite facer anotacións a unha publicación calquera de Twitter cando vexamos que pode resultar enganosa e tal aviso faríase público de existir certo consenso entre un diverso e amplo grupo de colaboradores, ou sexa, que sería a voz da maioría a que decidiría a pertinencia dunha alerta sobre manipulación informativa.
Para poder desenvolver ben esta ferramenta e comprobar a súa utilidade e fiabilidade, a fase de probas limítase a un grupo reducido de usuarios nos EE.UU., e estudarán detalladamente o funcionamento de Birdwatch para afinar o sistema de consenso e reputación que sustente a plataforma que confían en poder implantar en Twitter, aínda que para iso terá que demostrar a súa fiabilidade.
Dende Twitter recoñecen que este tipo de sistema de moderación pode ser problemático (lembremos os problemas que temos coa toponimia por culpa do consenso que existe na Wikipedia en español), pero consideran que paga a pena tentar establecer un sistema que se xestione directamente polos usuarios e que só precise de intervencións puntuais en casos de especial gravidade.

PUBLICIDADE