Twitter prepara un servizo de pagamento para ver contidos en liña sen publicidade

martes, 4 de maio do 2021 Marcus Fernández

Scroll permite consumir contidos en liña sen a molesta publicidade que presentan actualmente

Nos últimos meses Twitter está a experimentar unha grande transformación, de xeito que tanto podemos ver como lanza servizos como Twitter Spaces ou integra o sistema de boletíns por correo electrónico Revue, así como prepara o terreo para a chegada dos Super Follows, e continuando nesta mesma liña anuncian que están a adquirir Scroll, unha compañía que está a desenvolver un novo xeito de consumir contidos informativos sen anuncios, fiestras emerxentes e outras molestias, aínda que este xeito limpo de lectura chegará da man dos propios editores, aos que compensaríaselles economicamente.
Twitter pretende que Scroll poida ser un servizo de subscrición de pagamento que poida resultar de grande utilidade para os lectores e que tamén poida axudar a garantir un futuro viable para o xornalismo. Con esta tecnoloxía preténdese que o consumo de contidos en liña non sexa tan frustrante como na actualidade, no que poderiamos ver como un bloqueador de publicidade no que os medios afiliados que os usuarios visitan recibirán unha compensación económica.
Neste momento Scroll conxela a inscrición de novos usuarios e céntrase no crecemento da súa rede, para poder contar cunha grande selección de medios de xeito que poida resultar atractivo contratar o seu servizo no futuro.

PUBLICIDADE