Twitter permitirá recibir notificacións de respostas a chíos alleos

luns, 12 de agosto do 2019 Marcus Fernández

A aplicación móbil de Twitter está a estrear unha nova funcionalidade que permite aos usuarios marcar un chío alleo para recibir avisos cando haxa respostas ao mesmo, facilitando así non perder unha conversa sobre un tema de interese.
Dado o distinto nivel de actividade que poden ter os chíos, cando marquemos unha mensaxe poderemos elixir se recibimos notificacións de todas as respostas, de ningunha ou só as máis importantes (como serían as do autor ou as das persoas ás que seguimos).
Con esta funcionalidade en probas enténdese que Twitter quere potenciar as conversas, para converterse nunha plataforma social máis ampla, á vez que tamén camiña na dirección contraria, xa que en Canadá está a probar a posibilidade de que os usuarios poidan ocultar as respostas dos seus chíos, para evitar verse asolagados por certas conversas, polo que será interesante ver como combinan ambas liñas de actuación por parte de Twitter.

PUBLICIDADE