Twitter estrea a reprodución automática de vídeos

martes, 16 de xuño do 2015 Marcus Fernández

Durante o último ano Twitter experimentou con distintos xeitos de compartir, atopar e visualizar vídeos, buscando axilizar a súa reprodución ao máximo, e para avanzar nesta dirección anuncian hoxe que a partires de agora os vídeos nativos, os Vine e os GIF reproduciranse de xeito automático, para que sexa posible seguir a ler a cronoloxía sen perder ningún chío e coa sensación de ter todo o que se está a compartir ao instante.
Até o momento había que picar nun vídeo para activalo, pero agora a activación será automática, aínda que o son só se activará cando premamos sobre o vídeo, o que activará tamén a súa vista ampliada. Para facer máis doado este paso, cando estamos a ver Twitter en vertical no móbil, e xiramos o dispositivo a modo horizontal, iniciarase automaticamente o audio do vídeo en reprodución, que pasará a ocupar a pantalla completa.
De todos os xeitos esta nova funcionalidade será configurable, de xeito que os usuarios que non estean conformes con esta opción que poden considerar intrusiva, poden volver ao sistema anterior ou incluso permitir só a auto-reprodución de vídeos cando esteamos conectados á Rede a través de Wi-Fi (evitando así consumos de datos innecesarios).
Esta nova funcionalidade comeza a introducirse para os usuarios de iOS e para a versión web de Twitter, mentres que para Android haberá que agardar uns días para ver este cambio que busca principalmente facer a Twitter unha plataforma máis atractiva para formatos publicitarios audiovisuais.

PUBLICIDADE