Twitter Blue chega a España

venres, 3 de febreiro do 2023 Marcus Fernández

O servizo de pagamento Twitter Blue por fin chega a España (así como a Arabia Saudita, Francia, Alemaña, Italia e Portugal) a un prezo de 8 euros/mes ou 84 euros/ano, incrementándose estes prezos até os 11 euros/mes no caso de procesar a subscrición directamente dende a aplicación móbil (pois decidiron repercutir as comisións directamente nos usuarios).
Os usuarios que se subscriban ao servizo poderán gozar dunha marca de verificación azul xunto ao seu nome de usuario, así como a posibilidade de gozar de varias funcións exclusivas como a edición de chíos, un lector de fíos, unha función para ver os artigos más compartidos polas persoas que seguimos (servizo herdado de Nuzzel), poder subir vídeos Full HD de até 60 minutos de duración, establecer un tempo para poder desfacer a publicación dun chío, poder organizar os elementos gardados en cartafoles e a promesa de que no futuro verá a metade de anuncios que o resto de usuarios e as publicacións terán maior visibilidade.
Falamos dunhas prestacións polas que Twitter cobraba até hai pouco 2,99 dólares/mes, cantidade que xa era difícil de xustificar no seu día, e que agora resulta pouco xustificable para usuarios ordinarios, aínda que profesionais e creadores de contido poderían ser proclives a contratar un servizo que até hoxe tiña moi pouca presenza a nivel global por limitarse a uns poucos países (algo incomprensible se a súa intención era a de incrementar os ingresos da compañía nunha complicada situación financeira provocada pola débeda contraída por Elon Musk).

PUBLICIDADE