Twelve South lanza unha elegante funda vintage para o iPad Pro

venres, 20 de maio do 2016 Marcus Fernández

Nos últimos anos dimos conta en varias ocasións das fundas BookBook para dispositivos móbiles de Apple, como o iPhone 4 ou o iPhone 5, que dábanlle aos smartphones a aparencia de libros de peto, o que permite empregar a funda do móbil a xeito de billeteiro, dálle ao teléfono un aire retro e tamén protexe o dispositivo móbil (tanto de golpes como de miradas alleas)e agora atrévense a levar un concepto semellante ao iPad Pro, de xeito que xa podemos facernos por 99 dólares cunha funda BookBook para a tableta de 12,9 polgadas de Apple.
Esta nova funda dálle ao iPad Pro a aparencia dun caderno de debuxo vintage, que tamén lembra ás cubertas dun libro antigo, permitindo así que a tableta teña unha aparencia discreta e unha boa protección durante o seu transporte, mentres que no escritorio tamén facilita o seu uso en distintas posicións, destacando por solucionar unha das grandes eivas do iPad Pro: conta cun espazo para gardar o Apple Pencil.
Este elegante accesorio de Twelve South ten un par de defectos, como é o seu peso (510 gramos) e o seu prezo (99 dólares), pero tendo en conta o tipo de produto ao que está dirixido non deberían de ser un problema.

JPEG - 54 KB
Durante o transporte a funda dálle ao iPad Pro a aparencia dun libro


Vídeo promocional da funda BookBook para o iPad Pro

PUBLICIDADE