Turismo de Santiago e o CETUR formarán ao sector hostaleiro e hoteleiro en novas tecnoloxías

martes, 20 de outubro do 2020 Sonia Pena

Turismo de Santiago e o CETUR van organizar un curso de ferramentas dixitais para acelerar e asegurar a recuperación dos establecementos hostaleiros, hoteleiros e gastronómicos fronte a crise económica que está a xerar a pandemia. O curso Novas Tecnoloxías e Turismo para o sector local foi presentado este martes polo concelleiro de Turismo, Sindo Guinarte, acompañado de Diego Cidrás, investigador do Centro de Estudos Turísticos da Universidade de Santiago (CETUR).
A actividade formativa, que será impartida cen por cen online, achégase como “unha resposta ás demandas de actualización do sector turístico en novas tecnoloxías, nun momento no que a presenza en Internet é crucial”. A formación, que terá un carácter moi práctico, enfócase a hoteleiros, hostaleiros, guías turísticos, pequenos e medianos touroperadores, empresas de receptivos, empresas de organización de congresos e eventos, etc.
Como crear unha páxina web e actualizala, que redes sociais son importantes para un negocio, como xestionalas, que é a identidade dixital e a marca, que é unha estratexia de comunicación, como realizar unha mercadotecnia de éxito en Internet, como aproveitar as posibilidades da xeolocalización, como poñer en marcha centrais de reserva e pasarelas de pagamento en liña, e moitas outras destrezas informáticas serán abordadas no curso.
A actividade formativa, que conta co apoio da Deputación da Coruña, desenvolverase durante 5 xornadas de 16.00 a 20.00 horas. En concreto, levarase a cabo os xoves 22 e 29 de outubro, e 5, 12 e 19 de novembro de 2020. Será impartido por profesores universitarios.

PUBLICIDADE