Turismo da Deputación da Coruña abre o 27 un foro en liña para traballar na vindeira reactivación do sector

venres, 17 de abril do 2020 S. P.

A área de Turismo da Deputación da Coruña vai organizar un foro en liña para debater o futuro do sector en relación coa crise sanitaria e produtiva que se está a cebar con eidos económicos coma o devandito, precisamente. O foro, que se inicia o 27 de abril, foi dado a coñecer polo vicepresidente e deputado de Turismo da Deputación, Xosé Regueira, quen adiantou que se porán en xogo recursos para “buscar saídas” á actual situación.
Regueira sinalou tamén que no evento participarán persoal técnico, empresas, responsábeis de entes de xestión, xornalistas e demais profesionais do sector. O Foro Turismo COVID-19 ten o obxectivo específico de “analizar a situación e as posibilidades de futuro deste ámbito de especial relevancia para o desenvolvemento económico”.
Sobre o devandito, Regueira aproveitou a presentación para apelar á participación da maior cifra de profesionais, co fin de “deseñar de xeito conxunto novas estratexias que aposten polo que todo apunta que será a única vía de saída da crise, un turismo sostíbel, de proximidade, e con garantías que faga fronte ao estado de ánimo provocado pola pandemia”.
O foro virtual aberto inaugurarase o luns día 27 de abril ás 11 horas cunha sesión dedicada aos entes de xestión turística. As políticas públicas dos concellos, o 30 de abril, o sector empresarial, o 4 de maio e a comunicación e promoción de recursos turísticos o 11 de maio completarán o ciclo para o que é preciso inscribirse en cada unha das xornadas enviando un correo electrónico a foroturismocovid19@dacoruna.gal até dous días antes de cada unha das sesións.

PUBLICIDADE