TurisTalent 5.0 clausura a súa primeira edición de talento emprendedor lucense coas 10 firmas finalistas
mércores, 14 de xaneiro do 2026
O Concello de Lugo puxo punto e final á primeira edición da súa aceleradora de empresas do sector turístico e enogastronómico, Turistalent 5.0. Farao cunha gran gala final que se celebra este próximo venres, día 16 de xaneiro, a partir das 17:00 horas, no Vello Cárcere de Lugo. Segundo o Concello, a primeira edición da aceleradora foi “un éxito” de participación e implicación.
Un total de 10 startups veñen de completar un intensivo programa de aceleración e mentoring que arrancou no pasado mes de outubro e que fixo evolucionar os proxectos dos promotores. Estas iniciativas ofrecen innovadoras solucións para reforzar e impulsar o sector turístico, un dos motores económicos da capital lucense que xera importantes retornos económicos na cidade.
Na gala final Turistalent 5.0 as dez startups presentarán os seus proxectos ante o Comité Técnico da Aceleradora. Os seus membros estarán acompañados por autoridades municipais, investidores e representantes de fondos de investimento, así como doutros actores estratéxicos do sector a nivel provincial e autonómico.
Cada proxecto realizará unha presentación (5 minutos por promotor) na que amosará os puntos fortes da súa proposta, o seu grao de maduración empresarial, a súa proxección e a escalabilidade nos mercados. Trátase da gran posta de largo das startups que nos últimos meses afondaron na definición dos seus modelos de negocio, incorporaron aprendizaxe de alto valor sobre captación de clientes, pacto de socios, innovación aplicada, internacionalización ou comunicación, ademais de acceder a xornadas con investidores e a prácticas de presentación dos seus pitchs.
As dez novas firmas innovadoras (startups) finalistas desta primeira edición de Turistalent 5.0 son as seguintes:
• Lugo. 5 Sentidos: unha experiencia sensorial na cidade combinando visitas guiadas, degustacións e interacción histórica adaptada a todos os públicos.
• Alma: plataforma dixital de paquetes turísticos para poñer en valor o patrimonio menos coñecido dos municipios.
• Barvantia: ofrece unha alternativa que une a viaxe en autocaravana ou camper con asistencia e vivencias locais no marco do Camiño de Santiago.
• Master of Museums: gamificación de visitas a museos a través de tecnoloxía NFC, aplicación móbil e un códice físico.
• TheOK.app: unha potente ferramenta de escoita activa para destinos turísticos intelixentes.
• Raíces – Reconecta contigo: innovadora proposta de benestar baseada en baños de bosque, ioga e actividades híbridas na frondosidade de Lugo.
• Tutapeo: emprega IA para mellorar a visibilidade dos locais HORECA e crea rutas personalizadas.
• Camino y Sabor: experiencias enogastronómicas sostibles con produtores locais e rutas personalizadas.
• WorkFromGalicia: servizos para viaxeiros e peregrinos que desexen combinar turismo e teletraballo.
• Doris Repostería: un proxecto de repostería galega artesanal, creativa e sostible, elaborada con ingredientes locais.
Despois da gala final, Turistalent 5.0 ten deseñado un evento de networking na azotea do Vello Cárcere, un espazo pensado para a interacción directa das startups cos asistentes para afondar nos contactos e crear novas alianzas empresariais.
TurisTalent 5.0 nace como unha firme aposta do Concello de Lugo por impulsar o tecido empresarial lucense desde o inicio da súa andaina e por “seguir fortalecendo o destacado posicionamento co que conta a cidade no sector turístico galego”. Isto, “unido ao potencial da enogastronomía local logran un elevado nivel de propostas, xa aceleradas, con moito futuro nos mercados”, explicaron dende o Goberno local lucense.
Este programa forma parte do Plan de Sostibilidade Turística en Destino “Et Edendo, Lucus: un percorrido histórico pola enogastronomía”, financiado polo Ministerio de Industria e Turismo a través do Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia e a Unión Europea - NextGenerationEU.
