Trunfa en Kickstarter unha tapa para webcams

luns, 16 de xaneiro do 2017 Marcus Fernández

Que Mark Zuckerberg empregase como medida de seguridade do seu equipo informático protectores que tapasen a súa webcam podería chegar a resultar cómico ou, como mínimo, curioso, pero resulta que non é o único que teme que poida espiárselle a través da cámara dos seus dispositivos conectados, como demostra a boa acollida que está a ter en Kickstarter un produto chamado Intelligent Security | Camera Cover (IS|CC), que vén a ser unha sinxela tapa mecánica para cámaras de smartphones, tabletas e ordenadores, que podemos adquirir por 9 francos suízos (8,39 euros) e pretende ser un accesorio máis cómodo e elegante que usar un adhesivo ou un post-it para tapar unha webcam.
Este accesorio ten un grosor de 0,7 milímetros (ou sexa, que sería máis delgado que unha tarxeta de crédito) de xeito que non afectaría, por exemplo, ao peche dun ordenador portátil; o seu deseño non estragaría a estética dos nosos dispositivos; e non sería preciso quitalo para poder gozar da webcam cando sexa preciso empregala (xa que ten un elemento móbil que permite descubrir a lente da cámara.
Esta pequena tapa está construída en aceiro e neodimio de alta calidade, mide 20 x 8 milímetros, e incluso pode quitarse sen deixar residuos no trebello no que o empreguemos. A campaña de micromecenado que busca facer realidade esta solución inclúe descontos para pedidos de varias unidades e ten previsto o envío das recompensas no mes de maio.

Vídeo promocional da tapa IS|CC

PUBLICIDADE