Trump quere que as grandes compañías estadounidenses deixen de producir en China

venres, 23 de agosto do 2019 Marcus Fernández

Pese a que a finais de xuño as declaracións realizadas polo presidente dos EE.UU. daban a entender que o acordo comercial con China estaba a chegar a bo porto, de xeito que poderían soterrar a machada de guerra, de xeito que Huawei volvería á normalidade, pero vese que as negociacións non están a avanzar como se esperaba, de xeito que Trump optou por publicar unha serie de comentarios en Twitter atacando directamente a China, país ao que denuncia por ter roubado a propiedade intelectual dos EE.UU. por valor de centos de milleiros de millóns de dólares ao ano.
Para deter o roubo de China o presidente dos EE.UU. ordena informalmente ás grandes empresas estadounidenses deixar de fabricar en China e retomar a produción nos EE.UU., e para dirixir ás compañías nesta dirección anuncia subas de aranceis. A partires do 1 de setembro os produtos de China que pagaban un 10% ao importarse pasarán a pagar o 15%, e os produtos que pagaban o 25% a partires do 1 de outubro pasarán a pagar o 30%. Loxicamente China tamén establecerá aranceis máis elevados para os produtos estadounidenses, o que afecta principalmente a carburantes, automóbiles e produtos agrícolas, o que claramente reducirá as vendas de EE.UU. a China, con negativas repercusións para os produtores norteamericanos.
Dada a actual dependencia dos produtos fabricados en China (smartphones, xoguetes, roupa...), os actuais aranceis establecidos por Trump poderían custarlle a cada fogar estadounidense uns 800 dólares/ano, ou sexa, que as medidas que se adoptan para supostamente protexer os intereses dos EE.UU. terán consecuencias gravosas para os fogares e a economía xeral.
Aínda que polo momento só temos declaracións públicas de Trump, e non unha orde executiva de obrigado cumprimento, descoñécense as medidas efectivas que realmente podería aprobar a Casa Branca para impedir a fabricación en China que vaian máis aló da guerra arancelaria, aínda que si podería chegar a facer obrigatorio que os contratistas para entidades públicas non realicen a súa produción en China, de xeito que as duras palabras de Trump si poderían ter consecuencias reais.

PUBLICIDADE