Trump aproba ordes executivas para bloquear WeChat e TikTok dentro de 45 días

venres, 7 de agosto do 2020 Marcus Fernández

A Casa Branca parece decidida a ampliar a súa guerra comercial contra China a aplicacións móbiles e servizos en liña, de xeito que, ao igual que no seu momento aprobaron vetos a ZTE e Huawei, agora prepáranse a facelo contras toda unha serie de compañías chinesas, comezando pola que é a primeira aplicación móbil chinesa de éxito global, TikTok.
Donald J. Trump asinou unha orde executiva na que insisten en que as empresas chinesas supoñen un perigo para a seguridade nacional, considerando imperioso frear o avance de TikTok, aplicación descargada máis de 175 millóns de veces nos EE.UU. e máis de 1.000 millóns de veces globalmente, e que captura numerosa información persoal que segundo a Administración Trump podería estar ao alcance do Partido Comunista Chinés, o que potencialmente podería servir para rastrexar a empregados federais, realizar informes con información persoal para realizar chantaxes ou facilitar a espionaxe corporativa.
A Casa Branca tamén destaca que tense informado de censura de contidos en TikTok atendendo a ordes do Partido Comunista Chinés, e considera que TikTok pode aproveitarse como unha plataforma para realizar campañas de desinformación.
Para reforzar o argumento de que TikTok supón un perigo real, dende a Administración Trumpo lembran que varias axencias gobernamentais xa teñen prohibido que os seus traballadores teñan a aplicación de TikTok instalada e destacan que TikTok, xunto a outras aplicacións chinesas, veñen de ser bloqueadas na India precisamente para evitar o tratamento de datos persoais de cidadáns da India dende fóra do seu territorio.
Por todo isto, a orde executiva aprobada por Trump establece un prazo de 45 días tras o que entraría en vigor a prohibición de que calquera persoa (física ou xurídica) suxeita á xurisdición dos EE.UU. realice transaccións coa compañía dona de TikTok (ByteDance) ou as súas subsidiarias, o que suporía un bloqueo semellante ao que xa vimos con Huawei, e que rematou tendo un impacto global.
Aínda que o significado das transaccións no caso das aplicacións móbiles como TikTok non é un concepto que resulte claro, parece evidente que ByteDance ten un serio problema que podería forzar á compañía á compra total da versión global da súa aplicación a Microsoft, quedando só coa súa versión chinesa.

WeChat tamén na picota

Pero a Casa Branca quixo aproveitar os argumentos esgrimidos contra TikTok para atacar tamén á aplicación de mensaxería WeChat, contra a que tamén aprobaron unha orde executiva que entrará en vigor dentro de 45 días. Aínda que no caso de WeChat é moito máis doado argumentar o control que o Partido Comunista Chinés ten sobre a aplicación (xa que opera globalmente con base en China), o impacto da prohibición sería moito maior que o de TikTok, xa que WeChat non é só unha ferramenta de mensaxería, senón que tamén se emprega como sistema de pagamento móbil, sendo a forma de pagamento máis empregada en moitas zonas de China e, dado que no territorio chinés está prohibido o uso dos servizos de compañías como Google e Facebook, o bloqueo de WeChat podería impedir a comunicación de moitas persoas en China co exterior, á vez que dificultaría aos chineses espallados polo mundo a comunicación cos seus compatriotas.
En vista do serio impacto desta medida, que podería considerarse como unha vulneración de dereitos fundamentais de moitos cidadáns, é de esperar que nas vindeiras semanas a orde executiva pase a instancias xudiciais para dilucidar a súa legalidade.

PUBLICIDADE