Trine 3: The Artifacts of Power sae á venda
venres, 21 de agosto do 2015
Tras consolidarse como un excelente xogo de plataformas en
dúas dimensións ao longo de dúas entregas, Trine
converteuse en toda unha franquía de referencia entre os xogos independentes do
seu xénero, pero o estudio finlandés Frozenbyte non parecía conformarse con tal
formulación, e ousou a lanzar onte Trine 3: The Artifacts of Power, unha
nova iteración da saga para PC que podemos mercar inicialmente a
19,79 euros (xa que ten un 10% de desconto ata o 27 de agosto para celebrar
o seu lanzamento) e supón o salto da saga á terceira dimensión dun xeito
bastante atinado.
Este xogo tivo un período de Early Access
para facilitar o seu pulido, polo que
estamos ante un título bastante probado, que sen dúbida encantará aos seareiros
dos xogos fantásticos que combinan acción, plataformas, quebracabezas e
aventuras. Esta nova entrega mantén a esencia de Trine e Trine 2, de xeito
que o seu salto á terceira dimensión é principalmente unha mellora estética. No
xogo teremos modo individual ou cooperativo con ata 3 xogadores locais ou en
liña, ou sexa, que volveremos a xuntar ao cabaleiro Pontinus, o mago Amadeus e
a ladroa Zoya, que se embarcan nunha nova aventura que chega con voces e
subtítulos en inglés, francés, alemán e español.
Trailer de lanzamento de Trine 3: The Artifacts of Power