Trials Rising prepara a súa beta aberta

martes, 19 de febreiro do 2019 Marcus Fernández

A saga Trials de Ubisoft recibirá dentro dunha semana unha nova entrega, Trials Rising, con versións para Xbox One, PlayStation 4, PC e Nintendo Switch, que achegarán acción sen freo e alucinantes carreiras a través de insólitos circuítos de todo o mundo (dende a Torre Eiffel até a Grande Muralla Chinesa) e unha experiencia multixogador que busca animar ao usuario a perseguir a gloria superando a rivais de todo o mundo, aínda que desta volta tamén sorprende cun Modo Tándem no que dous pilotos, cada un coa metade do control sobre a potencia e o equilibrio, terán que coordinarse.
Os xogadores tamén poderán personalizar libremente e compartir calquera traxe e aspecto da súa moto, a elixir entre numerosas posibilidades, sen esquecer o habitual editor de pistas de Trials.
Pero o mellor deste próximo lanzamento é que dende hoxe os usuarios de PlayStation 4 e os de Xbox One poden descargar de balde a súa beta aberta, para así poder gozar do xogo en probas entre os días 21 e 25, o que non só supón un acceso anticipado, senón que esta participación preliminar bonificarase co desbloqueo da Trials Turbo Bike no xogo final. Na beta estaría limitado o número de pistas dispoñibles e os progresos non se gardarán para o xogo final.

Vídeo promocional da beta aberta de Trials Rising

PUBLICIDADE