Tres compañías galegas participan nun proxecto europeo para sumar tecnoloxías terrestres e satelitais para achegar banda ancha de calidade

luns, 15 de decembro do 2014 Redacción

R, xunto coas entidades galegas Gradiant e Optare Solutions, forman parte do grupo de 16 empresas de 7 países que desenvolven o proxecto BATS co-financiado polo 7º Programa Marco da Unión Europea, que ten como reto de conseguir unha solución técnica para facilitar o acceso a Internet de alta velocidade aos residentes da Unión Europea nas zonas rurais, de difícil acceso ou sen cobertura.
Este proxecto ten como obxectivo garantir que todos os fogares europeos dispoñan dunha conexión a internet mínima de 30 Mbps no ano 2020 e está liderado por Avanti Communications, operador de satélites especializado en proporcionar banda larga a zonas rurais en toda Europa, Oriente Medio e África. Xunto con fabricantes como Thales Alenia Space e Airbus Defense and Space, Avanti Applied Technologies (ApTec) tamén está a traballar no deseño dun sistema de satélites avanzados.

Probas nos fogares dos clientes de R

Un grupo de clientes de R que cumpran unha serie de requisitos serán os primeiros en probar o prototipo do proxecto BATS nos seus fogares. Os clientes seleccionados disporán de balde dunha antena e un router. En lugar do módem por cable que utilizan actualmente proporcionaráselles un dispositivo chamado IUG, con Wi-Fi, 3G e ADSL. O IUG é responsable de tirarlle o máximo partido ás tres tecnoloxías (satélite, 3G e ADSL) e encargarase de que se poida navegar co mellor rendemento.
Este equipo intelixente toma decisións en tempo real para mellorar a experiencia do usuario. A finalidade das probas é avaliar o funcionamento do IUG, a través da experiencia intensiva dese grupo de clientes.
Antonio Rodríguez del Corral, presidente do Clúster TICAo final do piloto, o grupo analizará de preto os datos proporcionados, o uso dos clientes e os resultados duns cuestionarios que deberán cumprimentar á finalización do proxecto. Durante o período de proba de seis meses, os clientes involucrados terán acceso gratuíto a Internet vía satélite e 3G, así como un desconto do 30% no servizo indirecto de R (ADSL).
Antonio Rodríguez del Corral, xerente de Desenvolvemento de Negocio de R, comentou que "o proxecto BATS proponse reducir a fenda dixital, logrando as altas velocidades marcadas pola UE a través dunha innovadora combinación de tecnoloxías nun único servizo; o obxectivo é superar os obstáculos tecnolóxicos que lles afectan ás zonas rurais, a fin de que as persoas que viven nas zonas máis inaccesibles da Unión Europea poidan gozar dos beneficios dun acceso a internet de alta velocidade fiable”.
Neste contexto, Galicia será o campo de probas da banda ancha de Europa nos vindeiros meses e os clientes de R terán a oportunidade de formar parte deste desafío para as telecomunicacións do futuro.

PUBLICIDADE