Tres artistas galegos, na exposición Videozoom Spagna de Roma

venres, 16 de marzo do 2007 Fernando Sarasketa

As novas tecnoloxías non son só ferramentas para a comunicación. É dicir: xa que son ferramentas de comunicación e impoñen novas linguaxes, constitúen materia prima aproveitable para a mensaxe (se a hai) e a feitura da expresión artística, ou para reflexión sobre a mesma. Un bo exemplo disto podémolo ver dende hai tempo no obradorio galego Alg-a.com, onde creadores da nosa terra apostan dende hai tempo polo espírito de liberdade artística arredor da cuestión dixital. Esta comunidade comparte algún punto en común con Videozoom ou, mellor dito: Videozoom é un certame que bebe directamente das fontes desas comunidades. Nútrese delas. Esta mostra en concreto, que se presenta este venres 16 na Real Academia de España en Roma, vai xa pola quinta edición e nela estarán presentes tres artistas galegos: Diego Santomé, Rubén Ramos Balsa e Álvaro Negro (na imaxe, unha obra súa).
Os tres están a participar na escolma Puntos Supensivos… Estados sen resolver comisariada por David Barro (director de Dardo magazine), unha selección de obras de dez videoartistas españois que integra a nova convocatoria de Videozoom, dedicada este ano a España. As pezas de Puntos Suspensivos estarán á vista do publico na Sala 1 do Centro Internazionale d’Arte da capital italiana. Segundo apunta o comisario David Barro, o título da exhibición alude a aspectos técnicos e narrativos dos traballos seleccionados e, asemade, ó intre político dunha España a voltas coas cuestións políticas relativas ós dereitos estatutarios das autonomías. A mostra estará aberta até o día 30 deste mes.

PUBLICIDADE