Trebellos: os gadgets, agora tamén na nosa lingua

martes, 3 de abril do 2007 Fernando Sarasketa

Paseniño, o galego vai cubrindo certas frontes da Web 2.0, e non nos referimos só ás posibilidades de comunicación da nova orde da Internet, senón tamén ó feito de tirar rendemento económico dela. Nesa liña de cubrir un espazo que semellaba descoidado (o dos gadgets en xeral), de procurar novos vieiros de negocio e (tamén) de apostar polo galego na comunicación tecnolóxica é onde se insire Trebellos, blog comercial que ben podería ser o primeiro desta natureza posto en marcha en Galiza. Os seus responsables son Andrés Milleiro, Iarrovawo, Pedro Silva, Xaime e Seve e xa están a emitir os sinais primeiros de actividade cunha boa parte do material que se presentou en Xuventude Galiza Net 2007.
Por exemplo: a Blu Generation da empresa galega Blusens ou ese aparello chamado a revolucionar as conexións sen fíos en todo o mundo: a Fonera, de Martin Varsavsky. Trebellos ten o seu xermolo nesta entrada do blog de Andrés na que procuraba colaboradores para poñer en marcha un caderno de aparellos tecnolóxicos en galego, apostando por unha temática ben pouco tratada nos espazos redeiros galegos (os gadgets), pero, precisamente por iso, cun elevadísimo potencial. É dicir: eramos moitos xa os que pensabamos que tardaba en chegar unha iniciativa coma esta.

PUBLICIDADE