Travelgenio celebra o seu terceiro aniversario cun libro sobre os mellores destinos mundiais en descarga gratuíta

martes, 28 de maio do 2013 Redacción

Con motivo do terceiro aniversario da axencia de viaxes en liña Travelgenio, esta quixo amosar o seu espírito nun formato de información diferente para ela, aínda que tradicional para unha boa parte dos seus máis directos competidores: o formato libro. O resultado disto é unha escolma de destinos atractivos para todo tipo de viaxeiros, agrupados baixo o título de Destinario. Nesta recompilación os lectores atoparán, basicamente, os greatest hits dos escenarios mundiais máis atractivos (máis de setenta) para os membros da comunidade Travelgenio e, por extensión, para boa parte dos internautas que anden estes días a traballar no mapa sobre un novo rumbo a seguir.
Entre as propostas a ter en conta inclúense convites para coñecer Cuba en moto, viaxar a Alasca, facer submarinismo en Indonesia ou percorrer o Madrid literario. En total, falamos de 276 páxinas de contidos producidos ao abeiro da combinación de dous factores: os tres anos de experiencia de Travelgenio enviando xente polo mundo e os tres anos de información xerada na Rede sobre esas viaxes.
O libro en cuestión porase en breve á venda, en formato clásico. Porén, durante os vindeiros días sortearanse algúns exemplares en papel a través do perfil da rede social Facebook de Travelgenio. Ademais, calquera viaxeiro ou curioso que queira descargalo na súa versión dixital, tamén poderá facelo de forma gratuíta. Mariano Pelizzari, fundador e CEO de Travelgenio, explica que “este libro foi todo un reto”. O que se desexaba era facer algo digno do respecto dos lectores e dos propios destinos, buscando que calquera tipo de viaxeiro tivese cabida nas súas páxinas. Así, engade, “Travelgenio apostou pola edición deste libro de viaxes con ilusión e coa vontade de ofrecer a mellor calidade nel, do mesmo xeito que facemos no noso día a día”.

PUBLICIDADE