Trap Ball, un novo xogo galego para dispositivos con Android

xoves, 19 de abril do 2012 Marcus Fernández

O novo estudo galego de videoxogos e aplicacións independentes, Axouxere Games, formado polo creativo Adrián Rodríguez e o desenvolvedor Antonio Gundín, conta xa co seu primeiro xogo distribuído a través de Google Play, Trap Ball, que está á venda por 0,74 euros (contando tamén cunha versión de demostración de balde).
Trátase dun xogo de habilidade no que debemos desprazar unha bola de billar a través de distintos escenarios cheos de trampas de distinto tipo para chegar a unha meta empregando o acelerómetro do noso dispositivo con Android. Trap Ball inclúe un total de 20 fases ás que se irán engadindo máis en futuras actualizacións de balde e está dispoñible en galego, español e inglés.
Dende Axouxere Games aseguran que o xogo estará tamén dispoñible a través da canle de xogos indie para a Xbox 360, sendo un dos seus obxectivos editar xogos para Android, Xbox 360 e PC, agardando chegar no futuro tamén a iOS e consolas como PS Vita.

En Trap Ball debemos inclinar o noso dispositivo móbil con Android para controlar unha bola de billar a través de distintos escenarios cheos de trampas


O primeiro xogo para Android de Axouxere Games visto en vídeo

PUBLICIDADE