Trabalingua organiza mañá unha xornada de conferencias sobre o dominio .gal
luns, 22 de febreiro do 2010
Trabalingua, unha asociación de
estudantes da Universidade de Vigo que comparten o seu interese pola defensa do
galego, vaise presentar agora en sociedade (pese a que xa leva un ano
traballando en prol da nosa língua) cunha xornada de conferencias na que se
afondará na importancia que ten para Galicia a Axencia Estatal de
Radiocomunicación, así como na necesidade que temos dun dominio propio na Rede,
é dicir a iniciativa da Asociación PuntoGal.
Os membros desta asociación, que xorde a partir da celebración das
primeiras Xeiras sobre a lingua en
abril do 2009, ten como obxectivos promover o uso do galego no eido
universitario e fomentar a normalización lingüística nos ámbitos culturais e
sociais, algo que se pode lograr máis facilmente facendo uso das novas tecnoloxías
e Internet.
Tras varias iniciativas en colaboración
coa Área de Normalización Lingüística da Universidade desenvolvidas nos últimos
meses, a asociación organiza este martes 23 de febreiro na ETS de Enxeñeiros de
Telecomunicación unha xornada
de conferencias na que se afondará, por unha banda, na importancia que
tería para Galicia ser a sede da Axencia Estatal de Radiocomunicación e, por
outra, o intenso labor da Asociación PuntoGal e a ICANN. O profesor do
Departamento de Telemática, Manuel Fernández Iglesias, ofrecerá un relatorio
sobre a Axencia Estatal de Radiocomunicación “como unha oportunidade para Galicia e unha oportunidade para os
enxeñeiros de Telecomunicación galegos”.
Trátase, segundo informan dende a
entidade académica, “de apoiar a demanda
do Colexio Oficial de Enxeñeiros de Telecomunicación de Galicia (COETG) para
que a axencia se localice na nosa comunidade”, unha iniciativa que xa conta
co apoio do Parlamento galego e que suporía, no caso de facerse efectiva “un pulo importante ao sector galego das TIC
e a creación de postos de traballo neste campo”, explica Anxo Tato.
Posteriormente desenvolverase un segundo relatorio sobre a Asociación PuntoGal
e a ICANN, da man de Camilo Regueiro, vicepresidente de PuntoGal, que explicará
a candidatura para a consecución dun dominio en Internet para Galicia e exporá
o funcionamento do ICANN, organismo internacional que se encarga de autorizar e
recoñecer os dominios, asignar o espazo de enderezos numéricos de protocolo de
internet (IP) e de outorgar estes dominios.