Toxo Telecom duplica os GB este mes de agosto

mércores, 14 de agosto do 2019 Fernando Sarasketa

Toxo Telecom, a operadora de comunicacións móbiles con sede en Ribeira, está a celebrar o verán cos seus clientes, e faino dunha das mellores maneiras posíbeis: facendo agasallos aos seus usuarios. Desta volta, o agasallo consiste en duplicar os datos nas súas tarifas durante este mes de agosto.
Desta maneira, a tarifa Malo será (10,95 euros ao mes) pasa a ter 8 GB, a Centolo (17,95 euros) a cifra nada desprezábel de 20 GB, a Morriña (19,95 euros) subiría até os 50 GB e, por último, a modalidade Cuñado (24,95 euros), situaríase nos 60 GB. Todas teñen en común que inclúen chamadas ilimitadas e todas comparten o feito de ter o IVE incluído o seu prezo. A promoción estará operativa até o 31 de agosto.
Toxo Telecom, para que non o saiba, é unha operadora galega posta en marcha en 2018 por tres emprendedores procedentes de diversas profesións (un enxeñeiro en Telecomunicación, un administrativo e un deseñador). En Toxo Telecom ofrecen servizos de telefonía móbil, con tecnoloxía 4G en todo o territorio nacional. Recentemente a empresa barallaba a posibilidade de ofertar produtos de telefonía fixa e vender así unha solución converxente con catro servizos principais: TV, móbil, fixo e Internet, como ofrecen os grandes operadores.

PUBLICIDADE