Touch+ permite o control táctil mediante calquera superficie

martes, 12 de agosto do 2014 Marcus Fernández

O vindeiro 30 de agosto comezarán a remitirse aos seus compradores as primeiras unidades do dispositivo Touch+ de Ractiv, un accesorio que podemos conectar ao ordenador por USB que pode adquirirse por 74,99 dólares (63,70 euros con gastos de envío incluídos) e que converte calquera superficie en táctil grazas a un par de cámaras que conseguen converter os xestos das nosas mans en accións de rato ou trackpad, resultando bastante cómodo por non ter que alzar as mans para empregalas sobre unha pantalla táctil vertical. Precisamente o feito de poder manter as mans sobre unha superficie son o detalle que fai atractiva esta solución, que resulta confortable, permitíndonos manter unha postura erguida e uns brazos descansados.
Esta solución ao basearse en 2 cámaras, permite rexistrar os movementos das mans en tres dimensións, integrando tamén un sistema de iluminación LED invisible para poder funcionar na escuridade e pode colocarse tanto nun soporte no nos escritorio informático como mediante unha pinza sobre a pantalla da pantalla do noso portátil.
Este produto veu a luz grazas a unha campaña de micromecenado en Kickstarter, e finalmente este mes estará accesible para o público xeral, aínda que cómpre destacar que aínda están en fase alpha, ou sexa, que aínda non ten plenamente desenvolvidas todas as súas funcionalidades, operando polo momento en Windows e OS X (o soporte de Linux chegará en breve). Tal e como vén na caixa funciona simplemente como substituto do rato, aínda que o trebello está aberto ao desenvolvemento, polo que poderán crearse solucións que o aproveiten de xeito máis preciso.


Vídeo de presentación do Touch+ de Ractiv

PUBLICIDADE