Total Channel satúrase na xornada de inicio da Champions

martes, 15 de setembro do 2015 Marcus Fernández

O pasado mes de maio vivimos un espectáculo vergoñento cando, tras unha importante campaña publicitaria para que a xente contratase a retransmisión do combate de boxeo entre Mayweather e Pacquiao a través da plataforma de vídeo en liña Total Channel, o servizo veuse totalmente superado pola elevada demanda, deixando de funcionar dende horas antes do inicio do velada, o que era totalmente inescusable por terse realizado o pagamento por tal contido con antelación (de varios días na meirande parte dos casos) polo que existía unha previsión do número de usuarios simultáneos que terían que atender esa fin de semana.

Mensaxe que recibiron os clientes da Total Channel tras a incidencia de hoxe

O descrédito de Total Channel foi moi importante, pero a compañía continuou a operar e nos últimos días atreveuse a repetir a xogada ofrecendo agora a posibilidade de recibir a canle beIN SPORTS para poder seguir os contidos da UEFA Champions League sen ter que contratar un servizo de televisión adicional (xa que o servizo funciona a través da Rede) e durante a primeira xornada futbolística sucedeu o previsible: Total Channel comezou a saturarse antes dos partidos, de xeito que numerosos usuarios non podían acceder a Total Channel vía web ou a través das aplicacións para dispositivos móbiles e Smart TV, recoñecendo a compañía a incidencia, para informar logo da mesma aos seus usuarios dando a entender que se trata dun problema puntual para un número limitado de usuarios (cando realmente se produciu unha caída total dos seus sistemas) e chegando incluso a botar as culpas ás conexións a Internet dos clientes, o que enfureceu a moitos clientes que manifestaron o seu malestar nas redes sociais.
Curiosamente durante a xornada de hoxe a plataforma de streaming da canle que retransmite os encontros, beIN Sports Connect, non tivo problemas nas súas retransmisións (no combate de boxeo antes mencionada acontecera o mesmo coa plataforma Yomvi, que conseguiu operar con normalidade), deixando quedar outra vez máis en evidencia a Total Channel, que non só indica a deficiencia das súas infraestruturas de rede, senón que tamén deixa en evidencia a pouca madurez deste tipo de servizos en España (o que fai moi complicado que os consumidores confíen en solucións de pagamento, abandonando as plataformas irregulares de balde, que xa son sobradamente coñecidas, polo que cómpre incentivar o uso das plataformas legais mediante, como mínimo, unha boa experiencia de uso).

PUBLICIDADE