Toshiba presenta un portátil con pantalla de ultra alta definición

mércores, 16 de abril do 2014 Marcus Fernández

Para poder gozar da imaxes de ultra alta definición (UHD) xa non é preciso empregar enormes televisores de máis de 55 polgadas, senón que tal resolución está xa dispoñibles en equipos portátiles como o novo Toshiba Satellite P55t, un equipo cunha pantalla táctil de 15,6 polgadas que que pode presentar unha imaxe nativa de 3.840 x 2.160 píxeles na súa pantalla IPS (o que supón unha densidade de 282 puntos por polgada).
A pantalla deste portátil non só ofrece un impresionante nivel de detalle, senón que tamén ten un amplo ángulo de visión e as súas cores veñen individualmente calibradas por Chroma Tune, asegurando aos profesionais unha grande fidelidade das súas cores. De feito, este equipo inclúe o software fotográfico Adobe Photoshop Lightroom 5, deixando claro que está enfocado a profesionais da imaxe.
O Toshiba Satellite P55t funciona cun procesador Intel Core i5 de catro núcleos, ata 16 Gb de RAM, gráfica AMD Radeon R9 M265X con 2 Gb de memoria GDRR5, disco duro de 1 Tb, 4 portos USB 3.0, lector de tarxetas de memoria SD, conectividade Wi-Fi AC (pensando en poder transmitir vídeos Ultra HD), gravadora de Blu-ray e saída HDMI (capaz de achegar un sinal de vídeo UHD). Tamén conta cuns altofalantes Harman Kardon de grande calidade e sairá á venda a semana que vén a un prezo de referencia nos EE.UU. de 1.499,99 dólares (1.085,30 euros).

PUBLICIDADE