Toshiba Folio 100, novo tablet con Android 2.2

luns, 30 de agosto do 2010 Marcus Fernández

Unha das imaxes do novo tablet de Toshiba filtrada a través da web

Que Toshiba estaba a preparar un tablet non era ningún segredo, pero agora as filtracións sobre tal dispositivo son moi concretas, coñecéndose que terá coma nome Toshiba Folio 10 e que será un trebello con pantalla de 10,1 polgadas cunha resolución de 1.024 x 600 píxeles, 16 Gb de almacenamento SSD ampliable mediante tarxetas SDHC e MMC, Wi-Fi N, Bluetooth, 3G, saída HDMI, USB 2.0, mini USB, conector para auriculares, cámara de 1,3 Mpíxeles, batería de 1.020 mAh (que promete ata 7 horas de autonomía) e o sistema operativo Android 2.2.
Destaca o feito de estar baseado en tecnoloxía nVIDIA Tegra 2 (xunto cun procesador ARM Cortex A9 de dobre núcleo) e por permitir o acceso a aplicacións do seu fabricante a través do Toshiba Marketplace, así coma o feito de integrar unha versión do navegador web Opera Mobile e unha aplicación de lectura de e-books. As súas dimensións serán de 281 x 181 x 14 milímetros, pesará 760 gramos e poderá verse durante a feira IFA que terá lugar os vindeiros días.

PUBLICIDADE